ANIVERSARIO DO ATENEO SANTA CECILIA
Como cada ano, con motivo do Aniversario do Ateneo Santa Cecilia, realizamos una programación especial cadrando coa data do día de Santa Cecilia. Este ano celebramos o 71º aniversario e por iso os días 24 e 25 de novembro o público poderá desfrutar de:
24 novembro
TEATRO – 19:30 Salón de actos Colexio Inmaculada
A compañía Avelaíña Teatro preséntanos ALMAS NA GLORIA: DON PACO (texto de Manolo Ayán e dirección de Antonio Simón), unha forma de rendirlle homenaxe a don Francisco Fernández del Riego.
É un relato de “memoria histórica” no que se presentan os episodios, que aconteceron entre os anos trinta e setenta do século pasado, nos que Don Paco tivo un protagonismo relevante.
Nesa longa noite de pedra, azoutada polo furacán do terror, un grupo de intelectuais galeguistas teñen conciencia da situación de caídos, mais non se resignan a fatalidade do destino fascista senón que, na clandestinidade, buscan estratexias para reincorporarse e restaurar a lexitimidade republicana.
Os diálogos tómanse, no sentido etimolóxico da palabra, como a procura, mediante o intercambio de argumentacións, do camiño máis razoable para saír da escuridade e dos seus monstros.
25 novembro
TEATRO INFANTIL (+4 anos) – 12:30 Biblioteca Municipal
A FESTA DOS MONICREQUES é a obra que trae Larraitz Urruzola para os/as máis cativos/as da casa.
Moitas da formas titiriteiras beben da cultura popular, dos mecanismos e utilización de materiais que recoñecemos nos brinquedos tradicionais, nos cantos e na narración oral. A Madeira, as teas, a herba trenzada están nos monicreques que levo para celebrar nas escolas e bibliotecas a festa por compartir todo ese coñecemento nunha conversa exemplificada con escenas de títeres, poemas de Rosalía de Castro e cancións populares.
CONCERTO E HOMENAXE AOS/AS SOCIOS/AS – 19:00 Templo Vello de Marín
Como colofón deste 71º aniversario o sábado pola tarde os/as amantes da música clásica poderán desfrutar do concerto do Conservatorio de Vigo, dirixido por Serghei Maximov e coa participación de Kirill Maximov (1º Concertino de Tonkunstler – Orquesta de Viena). O repertorio será do máis amplo tocando pezas de Vivaldi, Albinoni ou Purcell e incluso haberá cabida o tango de Astor Piazzola e incluso a banda sonora da Lista de Schindler de John Williams.
Ademáis haberá un pequeno homenaxe aos socios.