Club de lectura de XUÑO
A sesión de xuño do noso Club de Lectura vai ser moi especial! ✨ Ademais de celebrarse un venres en vez dun mércores (12/06 ás 18:30 h), contaremos coa presenza da autora do libro que imos ler 😍
Andrea Nunes Brións comentará connosco “Mapa da estría“, unha obra na que a escritora marinense vai máis alá na poesía de autoficción. O libro nútrese das súas experiencias en distintos territorios do mundo: desde a China e Guinea-Bissau ata Vietnam, a India, México ou Italia. 🌎🌍🌏
Por que ler esta obra? 🧐: Esta historia explora a relación entre a xeografía emocional e a cartografía experiencial. Dá conta das ausencias, as incertezas, a precariedade ou o desafío das múltiples linguas e culturas que sinalan as novas coordenadas onde o amor se diversifica como acto de resistencia. “Ollemos a fenda que dá paso á estría que nos deixará a marca para sempre”, asegura Nunes Brións. Unha frase que define a transcendencia dun libro prodixioso, destinado a deixar en nós unha pegada indeleble.
🗓️ Día: Venres, 12 de xuño
⏰ Hora: 18:30 horas
📍 Lugar: No noso local (Rúa do Forno, 42 – Baixo, Marín)
A entrada é libre e gratuíta. Se queres gozar dunha das figuras máis relevantes da nosa literatura —unha voz que esculca nas identidades e que se axita desafiante na creación de discursos para romper os parámetros do esperable—, anímate a vir! 😊