Encontro de música tradicional

Cuándo

Nov 13    
19:00

Dónde

Instituto Illa de Tambo
Rúa da Estrada, 11, 36900, Marín. Pontevedra, 36900

Tipo de evento

Mapa no disponible

Continuamos cos actos do noso 74.º aniversario e da festividade de Santa Cecilia! ❤️

Este venres 13 de novembro, ás 19:00 h, no salón de actos do IES Illa de Tambo de Marín, convidámosvos a un encontro de música tradicional no que actuarán tres destacadas agrupacións da nosa contorna: Ferriñas, Luzada e Trompos ós pés 🎶🎶🎶

A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo👏🏼

Agardámosvos para gozar dun percorrido polos ritmos e melodías máis representativos do noso patrimonio musical 😉

INFORMACIÓN DOS GRUPOS:

FERRIÑAS: Con case quince anos de historia, este grupo de cantareiras e pandeireteiras está integrado integramente por 20 mulleres cunha media de idade entre os 65 e os 80 anos, expoñente claro de que nunca é tarde para aprender e manter viva a nosa cultura. Desde hai tres anos contan coa dirección de Berto e ensaian semanalmente no Multiusos da Praza de Abastos grazas á colaboración do Concello. Nas súas actuacións están acompañadas polo propio mestre ao acordeón, Javier á gaita e Jose e Luis (da familia Lago) na percusión.

LUZADA: Nado hai dous anos por iniciativa do propio alumnado tras a disolución do seu anterior grupo, Luzada representa a frescura e a continuidade da música tradicional. Con dous grupos de ensaio adaptados á dispoñibilidade e nivel musical das persoas, actualmente é un grupo mixto con ampla presenza feminina. Baixo a dirección da profesora Dámaris, a formación traballa na recuperación de pezas do folclore tradicional respectando a súa esencia orixinal. O seu nome, que evoca a primeira luz do día e o resplandor, foi elixido por votación polas súas compoñentes.

AGRUPACIÓN FOLKLÓRICA TROMPOS ÓS PÉS: Creada no 1978 en Marín (Pontevedra) pola iniciativa dunha mocidade comprometida coa difusión do folclore galego, conta cunha traxectoria de case medio século percorrendo a xeografía galega, estatal e internacional. Destaca pola súa rica variedade de vestiario tradicional e por un repertorio de bailes, músicas e cantos recompilados directamente en numerosas aldeas de Galicia. Ao longo do seu percorrido, Trompos ós Pés compartiu escenario con agrupacións de países como Brasil, Arxentina, Eslovaquia, Venezuela, Holanda, Portugal, Bulgaria, Corea do Sur, Letonia, Rusia, Polonia ou Moldavia. Entre os seus fitos destacan a participación na banda sonora da curtametraxe El Sueño Matriusko (2003) de Mario Iglesias, o 2º Premio de pandeireteiras no concurso de Cantigas e Agarimos, a edición do seu disco In Mare (2003) no seu XXV Aniversario e a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Melide no musical Gallaecia (2008). Así mesmo, no ano 2009 representaron a España no prestixioso VII International Folk Dance Festival SUDMALINAS en Letonia, participaron nas gravacións dos discos Ruído Branco e Nostra Fortuna do grupo Liorna, publicaron o traballo Sarahyba (2016) e celebraron o seu 40º Aniversario en 2018 cun espectáculo especial xunto á Banda de Música Musimarín.

 

Comments are closed.

Close Search Window
↑