Actividades culturais

O FALADOIRO DO ATENEO

O Faladoiro do Ateneo

O Ateneo Santa Cecilia é un espazo no que se levan a cabo unha enorme variedade de expresións artísticas e actividades  culturais. Entre estas actividades non poden faltar as conferencias que abordan diferentes temas de actualidade, históricos, artísticos, tradicións, ecolóxicos, cambio climático, fauna e natureza etc.

Ocupan tamén un destacado papel a presentación de libros, dando unha especial acollida a todos aqueles de autores e autoras locais ou do noso entorno xeográfico. Queremos apoiar aos/ás autores/as noveis así como a aqueles/as cunha traxectoria literaria máis ampla para permitirlles achegar as súas obras ao publico, explicalas, coñecer as entrañas da novela, do ensaio ou dos contos, as claves de eses universos literarios… en definitiva, interactuar lectores/as e autores/as.

Levamos a cabo ciclos de conferencias sobre temas determinados, como pode ser o mundo dos cogomelos e a micoloxía, a informática e as  novas tecnoloxías, a ecoloxía e o medio ambiente, a conservación da natureza, as tradicións, etc.

Neste apartado que demos en chamar «O faladoiro do Ateneo» e que se leva a cabo case sempre os venres, programamos temas de interese cultural e social co obxectivo de achegar a cidadanía coñecemento e unha visión ampla e diversa dos temas abordados.

Exposicións

Un dos obxectivos do Ateneo e dar a coñecer artistas e as súas obras, poñendo especial atención aos novos valores e as mulleres. Desde os seus inicios, no Ateneo sempre se impartiron clases de debuxo, pintura, modelaxe, cerámica, etc., sendo durante moitos anos, case o único espazo onde se impartían estas actividades en Marín.

Complementariamente, realizáronse todo tipo de exposicións tanto individuais como colectivas de artistas formados/as no propio Ateneo ou de artistas convidados/as xa con unha traxectoria consolidada. Queremos destacar entre moitas as de D. Manuel Torres, Antón Sobral, Xosé Eirín, Ánxeles Iglesias, Xaquín Soneira.

A principios dos anos 90 do século pasado botamos a andar unha exposición colectiva de mulleres nomeada “Voilà la femme” da que se levan realizado 30 edicións co obxectivo de conmemorar o 8 de marzo, dia da muller, converténdose na exposición colectiva de mulleres mais lonxeva de cantas se realizan na península ibérica e posiblemente en Europa. Nela, ademais de artistas galegas participan tamén de toda España, Portugal , resto de Europa e Iberoamérica. Acadando nas diversas edicións un numero superior ás 200 participantes.

Cada ano realízanse na sala do Ateneo arredor de vinte exposicións, nas que se recollen exposicións de cerámica, modelismo, fotografía, gravado, pintura ou escultura. Tamén contamos coas mostras de debuxos de Nadal dos colexios de Marín e Praceres ou fotográficas da festa dos Maios, do Enterro da Sardiña ou da Danza de Espadas de San Miguel. Destacar tamén as que se realizaron anos atrás de filatelia ou numismática e que incluso correos sacou un matásellos conmemorativo.

Convidamos a todos e todas aqueles/as artistas noveles e que desexen amosar a súa obra que se acheguen a secretaría do Ateneo e reservar a sala. Un pracer para nós os dalos a coñecer.

O club de lectura

A finais do ano 2017 unha parella de socias do Ateneo viñeron a presentar unha proposta de creación dun club de lectura, que inmediatamente foi asumida pola xunta directiva da entidade.

Publicitouse, pois, o inicio desta actividade entre a masa social, e comezou a súa andaina con cinco participantes. O grupo foi medrando pouco a pouco, ata chegar a actualidade a ter 19 integrantes.

O club de lectura reúnese un mércores ao mes para comentar o libro seleccionado para o seu debate. Aínda que a hora da xuntanza non varía (sempre é ás 18:30), o día do mes pode ser movido en función de si a obra é mais curta ou mais longa.

Leemos autores e autoras de todo o mundo e fundamentalmente en castelán, aínda que tentamos introducir lectura en galego por ser unha das nosas finalidades, contribuír ao uso do galego en todas as nosas actividades.

Dado que os noso comezos foron a finais do 2017, os dous anos de pandemia obrigáronnos a cancelar as xuntanzas mensuais habituais, pero non nos impediron continuar co funcionamento do club. Durante os períodos de confinamento e distancia social, tiñamos os debates a través dun grupo de whatsapp, onde incluso iniciamos unha nova actividade: celebrar o día das letras galegas e o día do libro, gravando cada unha das persoas do grupo a lectura dun parágrafo dunha obra previamente seleccionada para subilo ás redes sociais.

Por último tamén é de destacar que xa trouxemos ao Ateneo a un par de autores/as dos que léramos algún libro, para debater con el ou ela sobre o mesmo

Concursos

Durante toda a súa historia o Ateneo estableceu unha serie de concursos, algúns xa arraigados no tempo e outros de recente creación, cos que facer partícipes aos distintos sectores do público.

Estes concursos distribúense ao longo do ano en datas moi significativas para a nosa asociación, como son:

  • Concurso Cartel do Enterro da Sardiña. O cartel gañador será o que se empregue para anunciar o Enterro da Sardiña (mércores de cinza). Tanto o traballo seleccionado coma os dos/as restantes participantes, formarán parte dunha mostra e estarán expostos na sala da nosa asociación.
  • Concurso de Orellas e Filloas. O Entroido de Marín non se podería concibir sen este concurso culinario onde o noso xurado profesional saborea máis de cincuenta filloas e orellas. O público en xeral pode desfrutar da degustación despois da entrega de premios: cacheira, lacón, chourizos e grelos.
  • Concurso de Maios e Embarcacións. O 1 de maio, escolares e asociacións saen as rúas pola mañá cos seus maios, embarcacións e coplas para exhibilos no entorno da Alameda Rosalía de Castro de Marín. Xa pola tarde, ás 17:00 na Praza do Reloxo da comezo o Concurso e a posterior entrega de premios, roscas e chocolate.
  • Concurso de Relatos Marín Conta. Co gaio das Letras Galegas convócase este concurso de relatos curtos, 500 palabras, dirixido aos centros escolares do Concello de Marín. As categorías corresponden a primaria, secundaria, bacharelato e educación especial.
  • Concurso de Postais e Contos de Nadal. Ante as vacacións de nadal e contaxiándonos do seu espírito, organizamos este concurso para os escolares de Marín. Poden participar nunha modalidade ou nas dúas. As categorías son: infantil, primaria, secundaria, bacharelato e educación especial.

 

Cursos

Moitas xeracións de marinenses pasaron polos distintos cursos que o Ateneo programou dende a súa fundación, sendo a canteira de moitas asociación que se crearon posteriormente.

Ao ser a primeira asociación fundada no municipio marinense, polas súas instalación case tódalas disciplinas tiveron acollida, formando parte do calendario actividades coma baile rexional, cociña, arte floral, pintura, bordados, música, tapicería, labores, cestería ou ballet entre outros.

A día de hoxe, por diversificación cultural, os cursos que se imparten fixos  cada ano, dende o mes de outubro ata o mes de xuño, e para nenos e adultos son:

  • Pintura.
  • Guitarra

O prazo de matrícula xa está aberto.

Solicita información!

Comments are closed.

Close Search Window