As nosas Tradicións

FESTA DOS MAIOS

Festa dos Maios

O que hoxe celebramos como festa dos Maios, trátase dunha celebración que ven de moi atrás no tempo, incluso é posible que desde o neolítico. Desde que os seres humanos comezaron a cultivar a terra e a entender os ciclos da natureza, a primavera sempre foi motivo de celebración e neste contexto aparecen as festas dos Maios en todas as súas modalidades.  Aínda que non podemos afirmar unha orixe común.

Descoñecemos como aparecen os Maios en Marín, nin porque na actualidade se celebran o día primeiro de maio, xa que o “ciclo do maio”  abarca un período de tempo que vai desde principios de abril ate mediados de maio. En Galicia houbo e aínda quedan practicas vencelladas a agricultura, a gandería, co mar e incluso co amor. Coas ligadas a agricultura preténdese favorecer as colleitas e que os axentes meteorolóxicos non as estropeen. O mesmo poderíamos dicir das colleitas no mar. Esta é unha das razóns polas que en Marín celebramos a festa coas figuras dos maios e as embarcacións.

Foi a Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia, hoxe Ateneo de Santa Cecilia, a que desde o ano 1953 ven convocando o Concurso de Maios e Embarcacións o dia primeiro de maio, cada ano.

En Marín os Maios teñen forma cónica e adórnanse con materias vexetais: fiúncho, pampullos, espadanas, bugallos, formando un conxunto floral moi ben adornado,  polo xeral remata o conxunto unha coroa tamén de gran tamaño. En canto as Embarcacións, soen reproducir algunha das habitualmente usadas na pesca, desde as dornas, ate os mais modernos arrastreiros, barcos do gran sol ou xeiteiros. 

Tanto no caso dos Maios como das Embarcacións un grupo de rapaces e rapazas cantan as súas coplas arredor acompañando os seus cánticos, batendo uns paus para ir marcando o ritmo. Antigamente tamén se facía con fungueiros ou varas longas. Nalgunha ocasións o neno ou nena solista canta desde debaixo do Maio e o resto responden a modo coral arredor.

As letras interprétanse cunhas melodías diferentes segundo se trate dun Maio ou dun Barco, e poden recoller diversos acontecementos sociais, criticas ou gabanzas de algúns feitos e no caso dos Barcos moitas veces recóllense as penalidades e dureza do traballo no mar.

De unha das coplas de maio mais antigas (1899) de Marín podemos ler,

“Si el pueblo despierta. Del sueño fatal. Se verá que estamos. Sin autoridad”

E dunha copla de Embarcación que data de 1963,

“Este “Novo Barcelona”.   Dende que foi a reparar. Ten a quilla de alambre.  Sin peligro a naufragar”.
“A vinte millas por hora,  deixando barcos atrás,   do Gran Sol aquí viñemos ,  para poderlles cantar»

 

Danza de Espadas de San Miguel

O San Miguel é unha das festas mais antigas que se celebran no concello de Marín, aínda que se descoñece a data dos seus comezos, existen referencias da súa devoción aquí no século XII. A Confraría de Mareantes nace a finais do século XV ou principios do XVI adoptando a San Miguel como Patrón.

Os integrantes da Confraría adquiren diversas obrigas e tamén algúns dereitos relacionados coas artes e zonas de pesca, practican a caridade cos pescadores de idade e cos enfermos, eran solidarios e mantiñan a cohesión do Gremio de Mareantes.

Por aquel entón a parroquia era San Xián. Na vila de Marín había unha capela da Nosa Sra. da Guía, ademais do Priorato e cando se edificou o Templo Vello a finais do século XVII os confrades de San Miguel obteñen o dereito a ter un altar propio en 1690. A imaxe do Santo actual é de 1705, aínda que o altar non se remata ate o 1708, con un prezo da época de 300 reais. E no 1710 houbo que escondelo na capela do Pazo de Cadro por un ataque de piratas ingleses.

Ate aquel entón a capela de San Miguel estaba na Illa de Tambo onde celebraban unha festa conxunta tódolos mareantes da Ría e cóntase que unha das aparicións do Arcanxo foi precisamente na Illa.

Os primeiros indicios que fan referencia a existencia da Danza de Espadas non se atopan ate o ano 1639. Non hai certeza de que o texto se refira a Danza de Espadas, porque só fala de danzantes sen mais, aínda que tamén fala do gaiteiro, tamborileiro e ferreñeiro, elementos que subsisten na Danza de Espadas ate os nosos dias. Tendo en conta que outras Danzas Brancas e con moitas similitudes xa se bailaban no noso entorno tamén pode ser a data mais probable de aparición da nosa Danza de Espadas na honra do San Miguel, precisamente adoptan a súa espada a diferencia de outras que usan  cintas ou arcos.

Ao longo de todo este tempo a festa e a danza non sempre se puideron celebrar, pois diversos acontecementos, guerras, pestes, prohibicións por parte de El Rey a petición da igrexa que as considerou pouco adecuadas, profanas etc. puxérona en perigo. Malia todo logrou sobrevivir, e en moitas ocasións non só se bailaba na honra de San Miguel senón tamén no Corpus.

Como a maioría das Danzas Brancas durante séculos só a bailaban homes, mariñeiros, é a mediados do século XX cando se incorporan as mulleres bailando, e foron elas quenes as mantiveron da man dos Coros y Danzas da Sección Feminina e desde entón a danza é mixta. Así introdúcese a saia no vestiario e o pano e faixa azul celeste para diferenciarse dos homes que o levan vermello.

Estamos pois diante dunha festa histórica, forma parte do noso patrimonio, do noso acervo cultural como pobo, polo que lle damos moito valor a esta tradición, foron moitos os nosos antepasados que traballaron, que loitaron, para que chegase ate os nosos días, e agora o noso deber é conservala para poder legarlla aos que nos sucedan.

O Ateneo Santa Cecilia a mediados dos anos 60 do pasado século fíxose cargo da súa conservación, de formar a novos e novas danzantes, de poñela en valor, de dala a coñecer, de estudala e de promocionala.

Baixo a presidencia de D. Carlos Martínez, hoxe Presidente Emérito, fúndase o Padroado de Mareantes de San Miguel no ano 1997 precisamente para acadar todos estes obxectivos, acadando uns anos mais tarde a denominación de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Entre as funcións do Padroado está o de investigar sobre a historia da Danza, a súa música co obxectivo de chegar as raíces, publicar libros, documentos e artigos que recollan toda a información da que se dispoña, dala a coñecer, divulgala e poñela en valor para as vindeiras xeracións.

No ano 2010 a Xunta de Galicia recoñece a Danza de Espadas de San Miguel de Marín como “Festa de Interese Turístico de Galicia”. Celebrando a festa o domingo seguinte máis próximo ao 29 de setembro.

Enterro da sardiña

A primeira referencia que atopamos sobre o Enterro da Sardiña de Marín lévanos ao ano 1882. Esta celebración do mércores de cinza, marcada no entroido marinense, é única en todo o territorio nacional pola singularidade de velar unha sardiña de verdade, procedente do mercado municipal. 

O desenvolvemento de actos, ao longo de todo o día, é unha parodia dos enterros antigos e as procesións de Semana Santa, con tódolos elementos que iso conleva, pero de forma irreverente e carnavalesca.

Amencemos o mércores no Palco da Música colgando as sardiñas “afumadas” e instalando o velorio co catafalco da defunta, ambientado con música fúnebre e toque de campás. 

Ás 17:00 horas considérase inaugurado o velorio coas “choronas”, o libro de sinaturas, o pan de millo e o vaso de viño para todas aquelas persoas que se acheguen a expresar as súas condolencias por tan lamentable perda para o pobo. 

Ás 20:00 horas (chove, vente ou haxa lóstregos), comeza a saír a comitiva, co público caracterizado cara a Praza do Reloxo, onde se fará o pregón e rezarase a Ladaíña datada do 1893. 

Seguirá a comitiva, para darlle sepultura tirándoa ó mar, encabezada polo home que leva a choca anunciando que vén a sardiña morta, os portadores dos cornos e cirios, os estandartes das confrarías, os portadores do botafumeiro, os mariñeiros co catafalco, o Bispo, Sancristán e Pregoeiro baixo palio, as autoridades, as choronas coas coroas, a banda de música tocando a composición musical que data de 1903, e o público en xeral.

Aniversario do Ateneo

O día 22 de novembro de cada ano o Ateneo está de aniversario, e en torno a esta data programamos unha serie de actividades para conmemoralo, unha parte delas sempre relacionadas coa música, pois ese día de Santa Cecilia padroa  dos músicos foi o punto de partida da Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia no ano 1952.

Ademáis de concertos e actividades musicais, tratamos de diversificar a programación para todo tipo de público e para todas a idades, infantil e adultos, con monicreques, teatro, contacontos, conferencias e exposicións. 

Unha parte esencial en cada aniversario é a homenaxe aos/ás socios/as, a nosa base social que solidariamente ao longo do ano coas súas cotas fai posible o sostemento do Ateneo.

Desde fai uns anos concédense a dous socios/as unha lámina enmarcada e personalizada das cedidas ao Ateneo por D. Manuel Torres. A entrega destas láminas prodúcese nun dos actos públicos de celebración do aniversario.

Comments are closed.

Close Search Window